BOIRO> O executivo levará a pleno unha modificación de crédito para conseguir o financiamento necesario para acabar a actuación. Na sesión tamén se tratará outra modificación de crédito para a renovación da traída da auga potable no tramo comprendido entre Curvera e Subuqueiro, tamén nesta parroquia.
A corporación municipal debaterá mañá unha proposta de alcaldía para aprobar un expediente de modificación de crédito por importe de máis de 335 mil euros para o remate das obras da nova sede do Club de Remo de Cabo de Cruz que levan meses paralizadas. Segundo o rexedor o proxecto sufriu neste tempo numerosas modificacións, o que encareceu a proposta inicial.
Na sesión de mañá tamén se debaterá outra modificación de crédito por importe de preto dos 120 mil euros para outra importante obra nesta parroquia. Neste caso para a renovación de auga potable no tramo que discorre entre a zona de Curvera e Subuqueiro. Unha actuación urxente que condiciona o proxecto para a mellora da seguridade viaria na DP-1107 entre Boiro e Cabo de Cruz que xa foi aprobado pola Deputación da Coruña.
O rexedor confía en que o resto de grupos con representación na corporación municipal apoien estas dúas modificacións de créditos, ó tratarse de dúas actuacións de gran importancia para a parroquia.