BOIRO> O Lab Barbanza de Boiro acolleu unha xornada formativa para estudantes do ciclo de Administración e Finanzas do instituto de Espiñeira. Neste Campus do Emprendemento, a rapazada tivo ocasión coñecer a experiencia de varios emprendedores que apostaron pola economía de proximidade e sostible.
A rede provincial de espazos colaborativos de coworking segue a promover a formación. Desta volta, foi o Lab Barbanza de Boiro o anfitrión do Campus do Emprendemento para dar a coñecer os moitos servizos que ofrecen estas instalacións. Os estudantes tiveron ocasión de coñecer e escoitar de primeira man a experiencia de emprendedores da zona que grazas ós recursos e o asesoramento que ofrece o Lab Barbanza puideron comezar cos seus proxectos empresariais.
Entre os poñentes deste campus chama a atención o caso de Alba Fernández Arias que deixou o seu traballo nun prestixioso estudo de arquitectura internacional para apostar dende Muros pola economía circular.
Os estudantes coñeceron tamén o proxecto Orixe Salgada, instalado no viveiro de empresas de Espiñeiras, que aposta pola innovación industrial pero sempre dende o local.
Tras esta experiencia, desenvolverase unha xornada similar no coworking da Pobra o martes 16 de novembro. Os dous centros do Barbanza forman parte da rede provincial de espazos de traballo colaborativo da Deputación da Coruña que integran un total de 11 centros de toda a provincia.











