Cambados ‘move os marcos’ para poñer en valor a súa historia

CAMBADOS> O concello de Cambados recupera os antigos marcos municipais para poñelos en valor. O último, con 400 anos de antigüidade, sitúase dende esta semana na praza Clemencio Fernández. A vila xa recuperou 3 destas pezas e traballa para conseguir todas as que ten localizadas.

O concello de Cambados continúa poñendo en valor a súa historia. Desta volta, faino a través do seus marcos municipais. Uns lindes que servían para delimitar os territorios de Fefiñáns e Cambados, antigamente separados. O último atopado, ten 400 anos de historia e dende esta semana está situado na praza Clemencio Fernández.

O marco foi colocado polo alumnado do obradoiro de emprego. A súa localización escolleuse por ser a praza pública máis próxima a onde se atopaba orixinalmente.

Con este marco, xa son 3 os que o concello recuperou e situou, xa sexa na súa localización exacta ou nunha zona próxima. Ademais dos cruceiros, que tamén eran utilizados para delimitar os territorios. O concello valora a posibilidade de crear unha ruta na que se expoñan todos estes elementos patrimoniais.

O marco está acompañado dun cartel con información do propio linde e do resto cos que conta o concello. Ademais de sinalar a localización actual de cada un, tamén sinala o lugar onde foron colocados orixinalmente. O concello continúa traballando na recuperación de máis marcos para continuar poñendo en valor a súa historia a través destes lindes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí