AMICOS apoia a inserción laboral de persoas vulnerables a través dos seus itinerarios formativos

BOIRO> AMICOS segue a promover a capacitación laboral das persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social a través de diferentes itinerarios formativos. Co apoio económico da Dirección Xeral de Inclusión Social, o pasado ano favoreceu a formación de 150 persoas das cales preto dun 30 por cento conseguiron acceder a un posto de traballo.

O director xeral de Inclusión Social visitou esta mañá a sede de AMICOS para participar no acto de entrega de certificados ós participantes nos distintos itinerarios de orientación laboral da entidade.

Ó longo do pasado ano, o equipo de orientación de AMICOS facilitou a formación dunhas 150 persoas a través de diversos programas cun índice de inserción laboral moi elevado que rolda o 30 por cento. Dende a Consellería de Política Social agradeceron o labor que desenvolve a entidade brindado os apoios necesarios para que as persoas con discapacidade poidan acceder ó mercado laboral.

O director xeral ratificou o compromiso do seu departamento para seguir a financiar esta e outras propostas formativas que favorezan a inclusión das persoas con discapacidade en tódolos eidos da sociedade.