A Ría de Muros e Noia recibe dous millóns de euros para a mellora da súa competitividade turística

LOUSAME> O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu esta mañá o acto de presentación do proxecto promovido pola entidade. A proposta, que engloba ós municipios de Muros, Noia, Lousame, Porto do Son e Outes, foi unha das nove que resultaron beneficiadas para poder optar ós fondos da convocatoria extraordinaria dos Plans de Sostibilidade Turística en Destino no que participan Goberno Central e Autonómico.

Un total de dous millóns de euros. Este é o orzamento do que disporá a Asociación Ría de Muros-Noia para desenvolver a súa proposta e facer o seu xeodestino, se cadra, aínda máis apetecible.

Trátase dunha das nove que resultaron elixidas para poder optar ós fondos da convocatoria extraordinaria dos Plans de Sostibilidade Turística en Destino ó que o Goberno Central e o Autonómico, a través de fondos europeos,  destinan no seu total preto dos quince millóns de euros.

Tódalas accións focalizaranse en catro eixos fundamentais: transición verde e sostible, eficiencia enerxética, transición dixital e competitividade.

Incluiranse actuacións en tódolos concellos coa finalidade de potenciar os recursos desta zona, vinculados ó turismo industrial nas minas de San Finx, o turismo mariñeiro ou o cultural, con sendas litorais, miradoiros e o fomento do itinerario cultural a Santiago da Ría de Muros-Noia, no que están inmersos dende hai varios anos.

O vicepresidente Alfonso Rueda destacou a importancia deste proxecto e o que suporá este impulso económico para poder afrontar novos desafíos.

A execución destes proxectos deberá materializarse na próxima bianualidade, no período 2022-2024.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí