A Deputación da Coruña saca a contratación a ampliación da ponte sobre o Rego Pesqueira

LOUSAME> A Deputación da Coruña vén de sacar a contratación a ampliación da ponte sobre o rego da Pesqueira, en Lousame. Esta actuación, que supera os 180 mil euros, mellorará a conexión entre os núcleos de Aldea Grande e O Couto.

As obras que vai contratar a Deputación da Coruña permitirán solucionar un problema de seguridade viaria na estrada provincial DP4202, na conexión entre Aldea Grande e O Couto.

Os traballos permitirán ampliar a plataforma da ponse sobre o rego Pesqueira de 5 a 12 metros e ofrecer un itinerario peonil seguro para os veciños. E é que as actuais dimensións, moi reducidas, obrigaban ós viandantes a transitar polas beiravías sen pavimentar ou polo borde da calzada. a nova infraestrutura contará con beirarrúas de 2’25 metros de ancho en cada marxe permitindo o paso a pé con total seguridade.

A nova plataforma contará con dous carrís de tres metros e medio para a circulación de vehículos. Será unha estrutura dun único vano, respectando a tipoloxía do viaduto actual. Formaranse cunetas para evitar a acumulación de auga nos laterais da clazada e dotarase dunha sección hidráulica suficiente para asumir grandes acumulacións de auga. Por último, reforzarase a capa de firme tanto nas inmediacións como na propia ponte.

O investimento da actuación rolda os 182 mil euros. Mentres duren os traballos, o tráfico estará cortado posto que xa se demoleu a anterior ponte polo que haberá que circular de xeito alternativo polas pistas forestais existentes.