Continúa a busca do veciño de Ribadumia desaparecido no Grove

O GROVE> Os equipos de emerxencias buscan dende onte a un home de Ribadumia desaparecido na punta O Castriño do Grove. Ao parecer o desaparecido fora ata ese lugar a pescar e a familia non volveu a contactar con el. No lugar da busca apareceu a súa caña de pescar e o seu vehículo.

Os equipos de emerxencias pecharon hoxe sen éxito o segundo día de busca de Manuel Cores, o home desaparecido na Punta o Castriño do Grove. A alerta da desaparición a deron os familiares. Ao ver que o home non aparecera na casa ao medio día foron a buscalo ao Grove, ao lugar no que habitualmente ía a pescar, pero ao chegar alí só atoparon o seu vehículo e a súa caña de pescar. Ao non atopar a Manuel Cores, puxéronse en contacto cos equipos de emerxencias.

Dende onte unha amplo dispositivo peitea a zona buscando algún indicio para poder atopar a Manuel. Na busca están participar por terra os equipos de emerxencias do Grove, a policía local e tres patrullas da garda civil, por mar salvamento marítimo cunha embarcación e outra auxiliar e polo aire Gardacostas co Pesca1 e o Pesca 2.

Manuel Cores é un veciño de Ribadumia afeccionado á pesca. Punta o Castriño era o lugar ao que ía habitualmente a pescar, unha zona perigosa pero que Manuel coñecía perfectamente. De aí que a hipótese dos equipos de emerxencia sexa que o home caera ao mar ao esvarar ou por culpa dalgunha indisposición.

A familia de Manuel tamén está participando nas tarefas de busca por terra. Xunto cos equipos de emerxencias peitaron nestes dos días toda a costa entre a praia do Carreiro ata a Batería. As tarefas de busca continuarán mañá a partir das 8 e media.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí