LOUSAME> O pleno de Lousame brindoulle unha emotiva despedida a Teresa Villaverde. A que fora alcaldesa durante 14 anos despediuse dos seus compañeiros de corporación dando o relevo a Esteban Ares.
A corporación lousamiá celebraba un pleno extraordinario e urxente a pasada tarde para facer efectiva a renuncia de Teresa Villaverde como alcaldesa. Tras 14 anos no cargo, e 22 como membro da corporación, quixo agradecer a confianza depositada polos veciños na súa candidatura ó longo deste tempo. Tivo tamén palabras de gratitude para os seus compañeiros de filas e para o resto de grupos da oposición polo clima de respecto e colaboración que primou ó longo destes anos.
Villaverde fixo tamén un repaso da súa xestión á fronte do executivo cun balance moi positivo no que sempre traballou polo ben da cidadanía. Algo que seguirá facendo, agora como unha veciña máis.
Ó remate da sesión, o seu sucesor, Esteban Ares entregoulle un ramo de flores en nome de toda a corporación que, xunto co público asistente, a despediro cun sonoro aplauso.











