Disfraces, maxia e gastronomía mestúranse no entroido de Lousame

LOUSAME> Todo listo en Lousame para celebrar a súa tradicional festa de entroido. Será este sábado ás cinco da tarde no pavillón da Silva. Os participantes, tanto nenos como maiores, atoparanse con moitas sorpresas.

Cada ano, a concellería de Festexos de Lousame se esforza para innovar na celebración da súa festa de entroido. Como novidade, nesta edición contarán co humorista Charlie Braun como mestre de cerimonias. No eido gastronómico, ofrecerán filloas, orellas e chocolate con churro, todo elaborado no momento.

En canto ó desfile de disfraces, a organización promoverá a participación en lugar da competición. Así, tódolos nenos que participen recibirán un agasallo e entre os adultos sortearase unha cea para catro persoas.

Haberá cinco inchables adaptados ás distintas idades e obradoiros de maquillaxe e caretas. A previsión é contar co mesmo número de asistentes que o pasado ano, no que superaron os catrocentos.