A POBRA> A Xunta de Galicia adxudicou o contrato de explotación e mantemento da depuradora da Pobra por preto dun millón e medio de euros. Será a UTE formada por Civis Global e Depuración de Augas del Mediterráneo quen asuma a xestión da infraestrutura durante os próximos dous anos.
A Unión Temporal das empresas Civis Global e Depuración de Augas del Mediterráneo asumirá a xestión da EDAR da Pobra cun orzamento de 1.43 millóns de euros. O contrato que vén de adxudicar a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, inclúe a xestión da explotación e conservación das instalacións que forman parte do sistema de depuración.
As tarefas de mantemento tamén prevén a retirada de graxas e flotantes no desareador-desengraxador da EDAR, que é estratéxica debido aos vertidos de carácter industrial. No pasado mes de abril, o concello da Pobra solicitou a continuidade da xestión autonómica desta infraestrutura que vén desenvolvendo a Xunta dende o ano 2005 cando se concluíron as obras da depuradora, cun investimento total de 12 millóns e medio.
Aínda que o saneamento e o abastecemento son servizos de carácter municipal , a Xunta resta apoio técnico e financeiro ós concellos que o precisen par garantir unha correcta depuración das augas residuais e ofrecer un servizo adaptado ás necesidades de cada poboación.