Correos dá marcha atrás na modificación do sistema de reparto en Ribeira

RIBEIRA> Satisfacción entre o persoal de Correos de Ribeira despois de que o ente público dera marcha atrás na súa intención de modificar o sistema de reparto. A mobilización dos traballadores foi clave para conseguir o restablecemento do anterior modelo.

A presión exercida polas distintas unidades en que estaba prevista a posta en marcha do novo sistema de reparto de xeito experimental, entre elas Ribeira, foi clave na retirada da proposta. Correos convocaba onte ós representantes sindicais para comunicar o restablecemento do servizo tal e como se viña prestando ata o día 15 deste mes no que cada carteiro tiña unha sección delimitada en lugar de agrupar tódolos barrios nunha área global cos consecuentes prexuízos non só para os traballadores senón tamén para os usuarios do servizo.

Entre os compromisos de Correos figura tamén ó restablecemento do mobiliario que fóra retirado das distintas unidades co obxectivo de que se poidan realizar as tarefas de clasificación en mellores condicións. Agardan que así se poida mellorar o servizo de paquetería que dende o cambio no sistema experimentou numerosos retrasos en plena campaña de Nadal.

Unha vez acordado o restablecemento do anterior modelo, Correos estudará unha nova proposta a implantar a medio prazo para adaptar o servizo ó novo contexto actual marcado polo descenso dos envíos de cartas postais e o incremento da paquetería.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí