BOIRO> Hai unhas semanas iniciábase a obra de renovación das tubaxes da rede de abastecemento de auga nun tramo de aproximadamente medio quilómetro en Cabo de Cruz, na zona comprendida entre o cruce de Curvera ata Subuqueiro.
A rede nesa zona presentaba xa un estado de avanzado deterioro, era de fibrocemento, e requiría constantes reparacións ó longo do ano.
Segundo explicou o propio rexedor estas actuacións serán a antesala ás obras de pavimentado que a Deputación da Coruña ten previsto levar a cabo na estrada DP-1107, nun tramo de aproximadamente catro quilómetros, dende o centro urbano ata Subuqueiro.
Estas dúas obras súmanse ás numerosas actuacións que o executivo está a levar a cabo nesta parroquia, entre as que se inclúen tamén as novas beirarrúas e a mellora das fachadas do CEIP Santa María do Castro, ou a propia construción da nova sede do CR Cabo de Cruz, pendente de inauguración.