A gravación das cámaras do Náutico podería dar un xiro á investigación do accidente mortal en Escarabote

BOIRO> A gravación das cámaras de seguridade do Náutico de Barraña podería ser clave para esclarecer o accidente que lle custou a vida a Marcos Ozores tras precipitarse co seu coche ó mar no porto do Escarabote o pasado venres.

Aínda que as primeiras hipóteses apuntaban a un suicidio, a declaración dunha testemuña sinala a posible implicación de terceiros. A persoa que presenciou os feitos afirma que o mozo, de 32 anos, non estaba só no momento do suceso senón que o acompañaban dous amigos.

Segundo o seu testemuño, trataban de arrancar o coche da vítima que quedara sen batería e foi durante a súa manobra cando perdeu o control do vehículo e acabou caendo ó mar. En lugar de socorrelo, déronse á fuga noutro vehículo.

Esta declaración, xunto co visionado das cámaras de seguridade,  resultará crucial para a investigación que leva a cabo a Garda Civil para  determinar se houbo unha presunta omisión de socorro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí