Alumnos do IES Félix Muriel convocan o certame artístico ‘Cousas’ en homenaxe a Castelao

RIANXO> Un grupo de alumnos de 2º de Bacharelato do IES Félix Muriel de Rianxo vén de convocar o certame artístico ‘Cousas’. Pode participar o alumnado da ESO, Bacharelato e FP de toda Galicia presentando un deseño artístico composto por ilustración e un breve relato, baseado no xénero literario da ‘cousa’ creado por Castelao.

Que mellor maneira de celebrar o Día da Lingua Nai e render homenaxe a Castelao dende a súa vila natal que presentar un certame artístico baseado no xénero das ‘Cousas’ creado polo ilustre rianxeiro. Así, o que comezou como un traballo de clase hai varios cursos dun grupo de alumnos do IES Félix Muriel foi tomando forma ata culminar na convocatoria da primeira edición deste concurso.

Os traballos poderán presentarse tanto en formato presencial como dixital ata o 31 de marzo. O fallo do xurado coñecerase o 17 de maio, día das Letras Galegas.Haberá tres premios de 300, 200 e 100 euros así como a posibilidade de conceder accésits en función da calidade das propostas.

Tras esta primeira edición que, as súas promotoras agardan que sexa un éxito, vindeiras xeracións tomarán o relevo deste certame que nace con vocación de futuro.