RIBEIRA> O vindeiro 28 de xullo volverán a repetirse imaxes coma esta. Longas ringleiras de xente, agardando para poder degustar un dos manxares máis prezados da nosa Ría, como son os percebes.
A cita gastronómica virá ademais este ano marcada por dous acontecementos especiais.
Cúmprese o seu 25 aniversario, e a Confraría celebra este ano tamén o centenario da súa fundación.
Aínda sen definir parte do programa, a festa seguirá unha estrutura semellante á de anos anteriores.
Prevese repartir unha tonelada de percebe a prezos do máis accesibles posible.
A necesidade de ter un produto de calidade ese día foi un dos motivos da escolla do 28 de xullo, xa que coincide coa semana de mareas vivas.
O Concello volve a colaborar co pósito na organización da festa, declarada de Interese Turístico Galego, á que agarda darlle o pulo definitivo para conseguir que sexa tamén Festa de Interese Turístico Nacional.
Aproveitouse a ocasión para presentar o que será tamén o cartel oficial da festa, cunha imaxe realizada polo fotógrafo Luís Polo.











