A ANPA do Brea Segade denuncia as carencias e os problemas estruturais do colexio

RIANXO>  Dende a ANPA do colexio Brea Segade din que non é un problema novo, e que xa o levan demandando dende hai anos.

Sinalan que o centro educativo, construído hai xa corenta anos, presenta inumerables deficiencias que deben ser solucionados dunha vez por todas. segundo eles xa toca e non valen parches.

Pídenlle ás Administracións con competencias, nomeadamente a consellería de Educación, que tome cartas no asunto.

Pero os problemas que denuncian non afectan tan só ás infraestruturas.

Dende o colectivo aluden tamén ás carencias en materia educativa.

Segundo eles non se está a cumprir tampouco a ratio de alumnos por aula, poñendo coma exemplo o que acontece coa clase de terceiro de primaria, que conta con 25 alumnos, dos cales máis do 40% teñen necesidades especiais, para os que é necesario profesorado especializado que non teñen.

No último pleno, a entidade trasladou tamén esta problemática á corporación municipal, na busca de apoios, conseguindo o respaldo unánime de tódolos grupos con representación municipal.