Ribeira reafirma a súa aposta polas instalacións deportivas con novas melloras na Fieteira

RIBEIRA> O alcalde de Ribeira recepcionaba esta mañá a nova grada cuberta do campo de fútbol da Fieteira. A instalación conta con máis de 200 localidades para que o público poida ver os partidos a resgardo das condicións climatolóxicas.

O alcalde de Ribeira asinaba esta mañá a acta de recepción da nova grada cuberta do campo de herba artificial da Fieteira que contribuirá, en gran medida, a mellorar as condicións para o público que asiste ós distintos eventos deportivos.

Esta actuación é unha mostra máis da aposta que está a realizar o executivo ribeirense pola mellora das instalacións deportivas. Súmase á construción dos aseos e da cantina que se está a acometer no campo de herba natural e á construción do módulo cuberto de atletismo promovido pola Xuta no que o concello inviste máis de 800 mil euros.

Dende o concello están tamén a traballar nun proxecto para mellorar o ximnasio do complexo deportivo da Fieteira no que xa se comezaron a realzar tarefas de mantemento nas instalacións.