Presentada a primeira edición do Torneo de Fútbol-8 Concello da Pobra do Caramiñal

POBRA> Todo o recadado no torneo,  que terá lugar o 26 e 27 de maio, irá a parar á Asociación Española contra o Cancro. Un total de 55 equipos de categorías benxamín e alevín participarán os días 26 e 27 de maio no estadio da Alta na primeira edición do Torneo de Fútbol-8 Concello da Pobra do Caramiñal. Nel contarase cos mellores clubs de base galegos, incluídos o Celta e o Deportivo, así como outros moitos de renome a nivel nacional, como poden ser o Rayo Vallecano, o Valladolid, o Sestao ou o Barakaldo, ou mesmo internacional, coa presenza do Porto de Portugal. O torneo presentado esta mañá xurdiu ademais cun marcado carácter solidario, xa que os beneficios que se obteñan serán destinados á Asociación Española Contra o Cancro. Dende a organización quixeron destacar o boa acollida que está a ter o evento, especialmente nas empresas e negocios hostaleiros que colaboran con el. Tamén agradecen a colaboración dao Crocha Club de Fútbol, a Asociación de Empresarios da Pobra, o Centro Comercial Deán, a Asociación de Empresarios do Polígono da Tomada, o Concello ou a propia Secretaría Xeral para o Deporte. Entidades estas últimas que tamén respaldan o torneo. Na presentación tamén tomou parte o xogador ribeirense Adrián Armental, actualmente nas filas do Racing de Ferrol na 2ª B que será o padriño do torneo. Ademais do carácter deportivo e solidario, o torneo, que nace coa intención de quedarse, deixará tamén un importante retorno económico e social, xa que esa fin de semana agárdase unha masiva afluencia de xente á comarca.