RIANXO> Ducias de comerciantes, empresarios e veciños de Rianxo saíron a pasada tarde á rúa para protestar polo incremento dos prezos da enerxía. Convocados pola asociación ‘Somos Rianxo’, os comercios pecharon as súas portas entre as sete e as oito da tarde, franxa horaria na que a electricidade é máis cara.
Os comerciantes de Rianxo escenificaron o seu malestar co abusivo incremento dos prezos da luz e do combustible con esta protesta. Convocados pola entidade empresarial ‘Somos Rianxo’ e baixo o lema ‘Basta, apaga xa’ os comercios apagaron as luces e pecharon as portas durante unha hora para facer visible o encarecemento dos servizos que está a poñer en serio risco non só a súa actividade senón tamén a economía doméstica.
Animan ó resto de entidades e asociacións da comarca a saír a protestar para esixir a toma de medidas que garantan a supervivencia do comercio que, a día de hoxe din, está asfixiado.