Barbanza Arousa, primeira mancomunidade distinguida como Destino Turístico Intelixente

MADRID> Barbanza Arousa presentou en Fitur a súa oferta turística enfocada este ano na desestacionalización, buscando ser un destino atractivo os 365 días do ano. A Mancomunidade aproveitou tamén a súa presenza na Feira para recoller tamén o distintivo de Destino Turístico Intelixente, converténdose así na primeira entidade supramunicipal de Galicia en obter este recoñecemento.

Barbanza Arousa aproveitou a súa presenza en Fitur para presentar a que será a súa oferta turística para este 2025. Fíxoo coa participación dos catro alcaldes, na presentación oficial que se desenvolveu no stand de Turismo de Galicia, nun acto no que ademais da xerente, Fátima Cachafeiro, e o presidente, Julián Bustelo, tomaron parte tamén o resto de alcaldes da comarca.

No acto presentouse o novo vídeo promocional realizado pola entidade co título ‘Barbanza Arousa, sempre quereremos volver’, enfocado en dous valores fundamentais de destino, como son a fidelización do visitante e a oferta de desconexión da rutina os 365 días do ano.

A Mancomunidade aproveitou a súa presenza en Madrid para recoller o distintivo de Destino Turístico Intelixente outorgado por Segattur, converténdose así na primeira entidade supramunicipal de Galicia en obter este recoñecemento.

Como en anos anteriores a participación de Barbanza Arousa en Fitur completouse tamén con distintas reunións e mesas de traballo con touroperadores, para coñecer de primeira man as principais novidades do sector e darlles a coñecer tamén o seu xeodestino.