Chega unha nova edición dos 100 do Barbanza

POBRA> Facer cen quilómetros en menos de 24 horas. Este é un dos principais obxectivos dos 100 do Barbanza.

A proba, organizada polo Club Deportivo International Trekkers Barbanza-Sar, terá lugar os días 21 e 22 de xuño.

A cita, que chega este ano a súa décima edición terá como punto de saída e de chegada a Pobra do Caramiñal, aínda que o percorrido levará ós participantes a ter que atravesar por outros seis concellos da comarca.

Despois de dez edicións, a proba está xa consolidada coma unha das máis emblemáticas das que se organizan en todo o ámbito nacional.

Un aspecto este que quixeron destacar dende a organización, como tamén o feito de que busca poñer en valor a riqueza paisaxística, cultural e histórica da zona.

As inscricións poderán realizarse a partir deste vindeiro sábado a través da  web oficial da proba: www.itrekkers.org.

O número de prazas dispoñibles será de 300. Unha cifra que dende a organización agardan poder cubrir rapidamente debido ó enorme interese que esperta, non só na comunidade, senón tamén a nivel nacional e internacional.