Maceiras defende a súa xestión ante as denuncias do actual goberno

POBRA> O ex alcalde da Pobra compareceu publicamente para saír ó paso das presuntas irregularidades denunciadas polo actual goberno. Isaac Maceiras considera que o estado actual das arcas municipais, totalmente saneadas, son o mellor aval da boa xestión realizada durante os dezaseis anos que presidiu a corporación. Isaac Maceiras defendeu o arduo traballo desenvolvido polos seus equipos de goberno ó longo de catro lexislaturas. Á marxe das numerosas obras levadas a cabo destacou, como principal logro, a consecución da paz social. Polo tanto, non entende as críticas do actual executivo ó que acusa de buscar irregularidades onde non as hai. O ex alcalde defende os gastos nalgunhas partidas que o novo goberno cualificou de despilfarro como por exemplo o alumeado de Nadal, encamiñado a favorecer á hostalería e ó comercio, ou os caramelos da cabalgata que, sinalan, se destinaron non só a este evento senón a numerosos festivais e desfiles durante todo o ano. Maceiras aclarou tamén o destino dos ingresos procedentes do xantar dos maiores, aboados directamente á empresa. En canto á existencia de facturas sen aboar por valor de douscentos mil euros, o anterior equipo de goberno insta ós actuais mandatarios a pagar ás empresas que prestaron os servizos. Aínda que non estean contempladas nos orzamentos, son obras executadas que, como é habitual, poden incluírse nos próximos presupostos ou a través dun recoñecemento extraoficial de crédito. O ex rexedor considera sorprendente que vexan indicios de ilegalidade nestas actuacións cando o anterior goberno socialista, do que formaba parte unha das actuais concelleira, si cometeu numerosas irregularidades coas contas municipais. A pesar das discrepancias, os populares volven tender unha man ó actual goberno por se precisan calquera aclaración en relación á xestión municipal. Pídenlle ademais que deixen de buscar confrontación e se dediquen a traballar polo ben dos veciños.