O PSOE de Rianxo pide axilizar os trámites para a aprobación definitiva do PXOM

RIANXO> O PSOE de Rianxo pide información sobre o estado de tramitación do PXOM. Case dous anos e medio despois da aprobación provisional do documento, os socialistas descoñecen en que fase se atopa a súa tramitación e urxen á aprobación definitiva do mesmo para avanzar no desenvolvemento urbanístico do municipio.

En maio de 2023, o pleno de Rianxo aprobaba provisionalmente o PXOM. Case dous despois consideran os socialistas que ten transcorrido tempo suficiente para avanzar na tramitación coas correccións e informes pertinentes para a súa entrada en vigor definitiva.

Dende o PSdeG denuncian  que carecer do ordenamento limita o desenvolvemento urbanístico do municipio. Non só para os veciños que descoñecen as afectacións das súas propiedades e os proxectos que poden executar senón tamén para o propio concello que non pode avanzar no desenvolvemento de actuacións comprometidas xa por outras administracións.

A pesar do retraso do PXOM, os socialistas consideran positivos os avances en materia urbanística que se teñen dado coa aprobación do estudo de detalle para a urbanización de terreos en Rianxiño.