RIANXO> A Deputación da Coruña aposta por un novo modelo residencial semellante ó fogar. A comisión técnica responsable do plan vén de manter unha reunión para deseñar os centros que se implantarán inicialmente nos concellos das Pontes, Ordes e Rianxo.
Residencias para maiores que semellan fogares. Este é o modelo cara o que camiña a Deputación da Coruña que traballa nun plan piloto para a creación de tres residencias nos concellos das Pontes, Ordes e Rianxo.
Serán residencias públicas, con carácter comarcal e un amplo catálogo de servizos culturais e de ocio nas que convivirán persoas dependentes con outras con total autonomía. Haberá espazo mesmo para as mascotas e favorecerase a conexión interxeracional con actividades nas que participen distintos grupos de idade.
Coa aposta por incluír a Rianxo neste novo modelo, a Deputación da Coruña vén satisfacer unha demanda histórica da sociedade rianxeira que leva anos demandando unha residencia para a terceira idade.
Ademais da residencia, a Deputación da Coruña ten comprometido o seu apoio con proxectos que redunden nunha mellor calidade de vida dos maiores. Concretamente en Rianxo, colaborará co centro de día que o concello ten previsto poñer en marcha no Pazo de Rianxiño, proxecto que se vén sumar ós numerosos programas desenvolvidos con cargo ó POS Social e o servizo de axuda no fogar.











