RIANXO> Vai alá máis de mes e medio dende a toma de posesión, e o alcalde Julián Bustelo, e o resto do seu equipo de goberno formado en minoría por cinco edís de Rianxo en Común, seguen sen recibir o seu soldo.
A súa proposta no pleno de organización, na que pedían unha dedicación exclusiva para o rexedor por importe duns 45 mil euros, a mesma cantidade que percibía o anterior alcalde, e tres dedicacións parciais de 17 mil euros para outros tres edís, non obtivo o respaldo de ningunha das outras forzas políticas que compoñen a corporación municipal.
Aínda así acoden a diario ó seu posto de traballo, como non podía ser doutro xeito, conscientes das necesidades que ten o Concello, co fin de satisfacer as demandas dos veciños e sacar adiante aqueles temas de interese para o bo desenvolvemento do municipio.
Bustelo apela á responsabilidade do resto de grupos. Coa súa postura di, están a coartar de certa maneira a vontade do goberno de seguir gobernando en minoría.
Confía en que a situación se vaia aclarando, mais cedo que tarde, polo seu propio ben, pero tamén polo interese xeral do Concello.