Unha vintena de propostas culturais integran o programa ‘Lecer na Ribeira’

RIBEIRA> Ribeira prepárase para un verán cheo de cultura e lecer. Durante os meses de xullo, agosto e setembro desenvolverase un amplo programa cultural con actividades para toda a poboación aínda que máis enfocadas cara un público familiar.

A oitava edición do Festival Tahume entre Folclores, previsto para este sábado, suporá o inicio do programa Lecer na Ribeira que encherá a vila de actividades durante todo o verán. Repiten propostas como Festival Internacional de Narración Oral Atlántica que recalará na capital do Barbanza a primeira fin de semana de xullo.

Haberá tamén espectáculos de novo circo, música e baile, teatro cómico e citas xa habituais do verán ribeirense como o mercadiño cultural Xiradiscos ou o Etal Equal Festival. Entre as novidades destaca tamén o proxecto de fotografía documental ‘Novas Olladas á Costa Galega’.

No apartado expositivo destaca a terceira mostra colectiva ‘Antoloxía Debuxada’ que permanecerá no Lustres Rivas ata ao 31 de agosto. A Rúada do Traxe Tradicional de Aires de Dorna será a encargada de pechar a programación o sábado 13 de setembro.