Polémica en Ribeira tralas novas restricións de estacionamento no recheo portuario

RIBEIRA> Malestar en Ribeira tralas restricións de estacionamento na zona portuaria. Esta semana entra en vigor a prohibición de aparcar en boa parte da explanada de luns a venres, quedando reservada ós usuarios que realicen a actividade profesional no porto.

O recheo portuario era, ata o de agora, unha das principais áreas de estacionamento no casco urbano. Sen embargo, a partir de hoxe o seu uso estará moito máis restrinxido.

A metade das prazas serán zona verde, reservada ós  profesionais do mar que dispoñan dunha tarxeta distintiva. Trátase dunha medida longamente demandada polo sector pesqueiro para poder desenvolver o seu traballo en condicións posto que na actualidade non dispoñía de lugares reservados para deixar os vehículos nos que cargan os aparellos e materiais necesarios para a actividade.

Foron  moitos os veciños os que expresaron o seu malestar coa entrada en vigor desta norma que limita aínda máis os xa escasos espazos para aparcar no centro urbano. Pola contra, hai quen se amosa de acordo coas necesidades dos mariñeiros sempre que se organice o espazo e se manteña un control sobre o correcto uso do aparcadoiro para actividades profesionais.

Dende Portos de Galicia emitiron un bando e xa puxeron en marcha un sistema de control co fin de sancionar a todos aqueles vehículos que fagan uso das zonas verdes sen contar coa tarxeta que autorice o estacionamento. As multas poden chegar ata os 90 euros.