PORTO DO SON> Despois da Regata Frinsa disputada a pasada fin de semana, chega unha das citas veleiras de maior nivel de tódalas que se disputan na comarca.
Trátase da Regata Ramiro Carregal Rey-Gran Trofeo Faro de Corrubedo que chega este ano a súa vixésimo quinta edición.
A proba, que está organizada polo Real Club Náutico Portosín, coa colaboración do Club Náutico e Deportivo de Ribeira e a Real Federación Galega de Vela, dividirase en dúas xornadas, sábado e domingo.
A pesar da súa ausencia na presentación da Regata, a figura do empresario Ramiro Carregal estivo moi presente no acto, destacando o seu papel e impulso da vela.
Na regata tomarán parte ó redor dunhas trinta embarcacións pertencentes ás categorías: regata, cruceiro-regata e cruceiro.
Todos eles pelexarán por levarse a vitoria na proba que tivo como gañador na xeral na última edición ó Siradella, patroneado por Fran Gude e César Álvarez do Náutico Portosín.







