PONTEVEDRA> Tenso debate sobre a seguridade cidadá en Pontevedra. A cuestión centrou o pleno extraordinario celebrado esta mañá que se convocou a petición do Partido Popular, a raíz da pelexa rexistrada na praza de Barcelos a principios de mes. Finalmente, a formación quedou soa coas súas propostas como a creación dunha comisión de seguridade con representación das tres forzas políticas. As medidas non saíron adiante cos votos en contra de BNG e PSOE.
A tensión marcou o debate do pleno extraordinario celebrado esta mañá en Pontevedra. A sesión convocouse a petición do Partido Popular despois da pelexa rexistrada na praza de Barcelos para abordar os problemas de seguridade cidadá que, aseguran, se están a dar na cidade.
Para o Partido Socialista, que o PP fale de que Pontevedra é unha cidade insegura é unha irresponsabilidade. E acusaron aos populares de sinalar ás persoas sen recursos como orixe dos problemas de convivencia que, recoñecen, se están a dar.
O BNG, pola súa banda, defendeu o traballo da Policía Local á hora de localizar e controlar as zonas consideradas conflitivas. Insistiron tamén en que Pontevedra é unha cidade segura e acusaron aos populares de facer campaña coa seguridade cidadá no marco dunha estratexia que están a seguir noutros concellos galegos nos que non gobernan, como Santiago ou Lugo.
Finalmente, o Partido Popular quedou só coas súas propostas. Así, BNG e PSOE votaron en contra da moción que contiña, entre outras cuestións, a creación dunha comisión de seguridade.











