Boiro chega ó ecuador das súas festas co Día das Peñas

BOIRO> As peñas volveron tomar Boiro este luns nun dos días grandes das súas festas. O parque da Cachada acolleu durante toda a xornada xogos e competicións do máis disparatado que deron paso a unha sesión DJ. Houbo tamén actividades para os máis pequenos cunha gran festa infantil.

A mocidade foi a principal protagonista das festas de Boiro neste luns no que as peñas tomaron o parque da Cachada. Dende primeira hora competiron nos xogos máis disparatados para rematar pasados por auga tralo tradicional mangueirazo de honra.

Finalizada esta singular competición tivo lugar a sesión vermú con The Cuncas e o parón para o xantar de confraternidade co que os peñeiros repuxeron forzas para a tarde na que Soundivan, Marcos Magán, DJ Enter y Places puxeron a nota musical. Este luns das peñas marca o ecuador dunhas das primeiras festas de verán na comarca.

Por diante, quedan aínda dous días de celebracións coas mellores orquestras amenizando as verbenas nocturnas e un senfín de actividades para tódolos gustos e públicos.