SANXENXO> O Obradoiro de Hostalería do Salnés e a Asociación Española contra o Cancro volven ir da man no fomento dos hábitos alimenticios saudables. Esta mañá, renovaron o seu convenio polo que o alumnado do obradoiro ofrecerá durante catro xornadas almorzos e aperitivos saudables. Unha iniciativa ademais solidaria, porque a recadación destinarase a proxectos de investigación contra o cancro. O ano pasado, logo de atender a máis de 500 comensais, conseguiron recadar uns 3.000 euros.
Este verán volven os almorzos e aperitivos saudables ao Obradoiro de Hostalería do Salnés. O presidente da Mancomunidade e a presidenta da Asociación Española contra o cancro en Pontevedra renovaron hoxe o convenio de colaboración a través do que se impulsan estas iniciativas.
Na iniciativa está implicado o alumnado do obradoiro. Na edición do ano pasado por aquí pasaron uns 500 comensais ao longo das catro xornadas para gozar das distintas elaboracións. Grazas a iso conseguíronse recada uns 3.000 euros que se entregaron á asociación para seguir avanzando na investigación contra o cancro.
Neste verán, volverá haber catro xornadas: dúas de almorzos e outras dúas de aperitivos. Ademais da parte gastronómica, en cada día haberá música e un mercado solidario.
Logo da sinatura deste convenio, tivo lugar nestas mesmas instalacións da Mancomunidade o acto de entregas da XII edición do programa integrado de emprego do organismo comarcal con 10 talleres de emprego, 28 accións formativas e prácticas. O resultado, unha inserción laboral do 85%.
Nestes momentos está xa en marcha o proceso de selección para a seguinte edición.











