Meis recupera con éxito a súa Feira Labrega despois de cinco anos de parón

MEIS> Meis recupera con gran éxito a súa Feira Labrega. Despois de cinco anos de parón, a cita volveu onte ao campo da feira con mostras de artesanía, xogos tradicionais, gastronomía e música. A cita, que cumpriu a súa décimo terceira edición, está enmarcada na programación das festas de San Bieito.

A Feira Labrega volveu a Meis pola porta grande. Despois de cinco anos de ausencia, a cita volveu encher o Campo da Feira na súa décimo terceira edición.

A festa perdeuse polo parón obrigado pola pandemia no ano 2020. Agora, a súa recuperación foi posible grazas á iniciativa dun grupo de veciños que se propuxeron volver celebrar esta popular cita. E avisan que volveu para quedar.

Fiel ao seu espírito, a Feira Labrega reuniu no Campo da Feira unha quincena de postos de diferentes produtos e oficios, en recordo do importante mercado que se celebraba antigamente en Meis. Houbo mostras de artesanía, xogos tradicionais, gastronomía e música.

A Feira Labrega está incluída na programación das Festas de San Bieito de Meis. A vindeira cita será o venres 11 con festa infantil pola tarde e verbena xa pola noite con Banda de Ayer e New York. O sábado 12 celebrarase San Cristovo, con misa, procesión e verbena. Xa o domingo 13 será o día grande da programación coa Festa dos Callos.