Ribeira súmase ás mobilizacións de SOS Sanidade Pública contra o incremento das listas de espera

RIBEIRA> Como cada xoves, a plataforma pola Sanidade Pública do Barbanza volveu demandar médicos ás portas do centro de saúde de Ribeira. Esta mobilización coincide coas convocadas en outros puntos de Galicia por SOS Sanidade Pública para denunciar a precariedade nos servizos de atención primaria e o incremento das listas de agarda.

Ademais de demandar a incorporación de médicos ó centro de saúde de Ribeira, a mobilización deste mediodía tiña por obxecto denunciar o incremento das listas de agarda. Así, sumándose ás concentracións convocadas en toda Galicia por SOS Sanidade Pública, a plataforma do Barbanza acuso ó SERGAS de manipular as listas que, en realidade, poden supoñer ata un ano de espera para unha intervención cirúrxica.

Durante a concentración lembraron tamén ós asistentes a mobilización prevista para o vindeiro xoves en Santiago para a que habilitarán autobuses gratuítos dende o Barbanza. Sairán ás dez e media da mañá dende o apeadeiro con parada en tódolos concellos.