Ana Pontón reivindica en Aguiño políticas de rexeneración das rías para garantir o futuro do mar

RIBEIRA> A voceira nacional do BNG demandou esta mañá en Aguiño políticas de rexeneración das rías para garantir o futuro do sector do mar. Ana Pontón facía esta reivindicación na parroquia ribeirense a onde acudiu para participar na procesión marítima do Carme.

O BNG aproveitou a celebración do día da patroa dos mariñeiros para reivindicar unha defensa efectiva do sector do mar. Aludiu á necesidade de desbotar proxectos como o de ALTRI que poñen en risco a conservación do principal medio de vida de Galicia e promover políticas de rexeneración das rías.

Durante a súa intervención, Ana Pontón referiuse tamén ó modelo de financiamento autonómico esixindo ó presidente da Xunta que reclame unha negociación bilateral para acadar un sistema propio para Galicia.

Critican ademais os nacionalistas a oposición do goberno da Xunta á quita de débeda que posibilitaría un aforro de catro mil millóns de euros para atender as necesidades dos galegos.