RIBEIRA> Máis dun cento de veciños de Palmeira concentráronse esta mañá diante da oficina de Abanca para evitar o seu peche. Consideran que a decisión suporía un impacto negativo para a localidade. Pídenlle á entidade bancaria que reconsidere a súa postura.
Con berros coma este… e provistos de pancartas, un nutrido grupo de veciños e representantes de diferentes asociacións e colectivos de diversa índole de Palmeira concentrouse esta mañá diante das oficinas de Abanca para evitar o seu peche, programado para o vindeiro 19 de maio. Mesmo chegaron a cortar por uns momentos a estrada AC-305 de titularidade autonómica…Solicítanlle á entidade que reconsidere a súa postura, xa que a decisión prexudicaría gravemente á veciñanza e ó empresariado local.
Paralelamente, os veciños están a levar a cabo tamén unha campaña de recollida de sinaturas, con máis de trescentas firmas contrarias ó peche. Na concentración tomaron parte tamén representantes de tódolos grupos políticos con representación municipal, a excepción do Partido Popular.
A esa mesma hora na que os veciños se concentraban diante da oficina de Abanca, o alcalde, Manuel Ruíz, mantiña unha xuntanza no seu despacho con responsables da entidade bancaria, ós que lles trasladou os argumentos que esgrimen, tanto o Concello como a propia veciñanza, para que se manteña a sucursal de Palmeira.
Entre os motivos expostos polo rexedor para que Abanca reconsidere a súa decisión falouse do inicio inminente da construción do polígono industrial nesta parroquia que contribuiría a dinamizar a súa economía.