A Xunta promove a Bandeira Verde para os concellos comprometidos coa paisaxe

PORTO DO SON> O presidente da Xunta presentou en Porto do Son un novo distintivo de calidade para os concellos comprometidos coa paisaxe e co medio ambiente. Trátase das bandeiras verdes que se convocarán anualmente a partir deste 2020.

A Xunta de Galicia promove as bandeiras verdes que distinguirán ós concellos comprometidos coa paisaxe e o medio ambiente. Convocaranse anualmente e outorgaranse en base a cinco criterios.

Nesta iniciativa recóllese a importancia da paisaxe e do medio natural como motor turístico de Galicia. Neste punto, sinalou que o concello de Porto do Son foi o primeiro municipio galego en asinar un protocolo para poñer en valor as recomendacións contidas na Guía de Estudos da Paisaxe Urbana, publicada o pasado ano pola Xunta.

Ademais desta guía, son moitos os instrumentos normativos que ten desenvolvido a Xunta nos últimos anos para garantir o desenvolvemento sustentable e a conservación da paisaxe. Feijoo destacou entre outros o Plan de Ordenación do litoral, as Directrices de Ordenación do Territorio, a Lei do Solo de Galicia ou Estratexia da Paisaxe de Galicia. Anunciou ademais a aprobación de novos regulamentos para este ano.