Avanzan a bo ritmo as obras que transformarán a cultura en Boiro

BOIRO> Avanzan a bo ritmo as obras da casa da cultura de Boiro, un dos proxectos estratéxicos que suporá un importante avance do municipio a nivel cultural. O novo inmoble duplicará a superficie e permitirá acoller espectáculos de gran formato.

As obras de rehabilitación e ampliación da casa da cultura de Boiro avanzan a bo ritmo co obxectivo de cumprir os prazos de execución desta instalacións que mudará a forma de entender a cultura no municipio. O inmoble actual databa de 1988 e non cumpría algúns parámetros para acoller grandes espectáculos, tanto pola súa capacidade como polas características do escenario.

Con este proxecto, cofinanciado polo concello e o Ministerio de Axenda Urbana a través do PIREP, Boiro aspira a converterse nun referente cultural. O investimento total previsto rolda os catro millóns de euros para acometer esta importante actuación que estará rematada a finais de ano.