Importante avance ás novas instalacións do Náutico de Rianxo co informe favorable de Transición Ecolóxica

RIANXO> A primeira parada da conselleira do Mar, Marta Villaverde, foi no Concello.

Ás portas da casa consistorial agardábana os responsables municipais, co alcalde á cabeza, Julián Bustelo.

Dende alí, desprazáronse camiñando á zona portuaria co fin de analizar as posibles necesidades actuais neste porto, no que nos últimos anos se realizaron importantes actuacións de cara a súa mellora como é o caso da instalación das novas luminarias LED e a renovación do firme da explanada situada diante da lonxa, cun investimento en ambas as dúas obras que superou os 300 mil euros.

Durante a visita, a Conselleira anunciou tamén unha importante nova, que garda relación co proxecto de construción das novas instalacións para o Club Náutico de Rianxo, como é o informe favorable do Ministerio de Transición Ecolóxica que permite avanzar na tramitación.

O alcalde, Julián Bustelo, agradeceu á Conselleira a visita.

A última das paradas da titular de Mar en Rianxo foi na Confraría, onde mantivo tamén un encontro con representantes do pósito para abordar as necesidades dos profesionais do mar neste municipio.