POBRA> Esta mañá tiña lugar a presentación da programación na que se inclúen conferencias, teatro, música ou exposicións. Como vén sendo tradición por estas datas, o museo Valle-Inclán, en colaboración con diversas entidades, entre elas o propio Concello da pobra e a Secretaría Xeral de Cultura, volverá a dedicar este mes de outubro a homenaxear a figura do seu escritor máis universal: Ramón María del Valle-Inclán. As xornadas, que este ano chegan á súa vixésima edición, presentan un amplo programa de actividades nos máis variados eidos culturais como resaltou o propio Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante a súa presentación. As actividades arrancarán xa mañá venres coa inauguración dunha exposición. Trátase dunha mostra realizada por Domingo Regueira co título ‘Borranchos. Aproximación á obra de Valle-Inclán. No acto, previsto para as oito e media nas salas do propio museo pobrense, haberá tamén algunha que outra sorpresa. As actividades continuarán posteriormente durante todo o mes con representacións teatrais, conferencias, roteiros e visitas culturais, tanto na localidade coma en Santiago, a presentación dun novo número da revista Cuadrante e outra publicación de manuscritos inéditos realizada polo seu neto, Xaquín del Valle-Inclán. Como de costume volverá a realizarse a ofrenda cívica na praza do Cantón da Leña, fronte á escultura ó escritor o día 27, á unha da tarde. Para pechar ese mesmo día ás nove cunha homenaxe popular no que se mesturará teatro e música, no Cine Elma.
Inicio BARBANZA