Veciños do Xobre demandan a canalización das augas pluviais para evitar escorrentías

A POBRA> Os veciños do lugar da Costa, na parroquia pobrense do Xobre, levan tempo demandando a instalación dunha rede de pluviais. en época de chuvias, as augas procedentes da Garita inundan os viais e camiños da zona impedindo mesmo o acceso ás súas vivendas.

Durante a tempada de chuvias os veciños da Costa do Xobre sufren inundacións constantes nos accesos ás súas vivendas. A falla dunha rede de recollida de pluviais impide a canalización das augas que baixan da zona da Garita provocando ademais de anegamentos importantes danos nos viais que mesmo poñen en risco a seguridade do tráfico.

Os afectados xa puxeron a situación en coñecemento do concello pero polo momento non lles deron solución. Trasladáronlle ademais outras demandas como a necesidade de incrementar os puntos do alumeado público.

Os veciños instan ó executivo a atender as súas demandas posto que se tata de servizos básicos que non requirirían grandes investimentos pero suporían unha gran mellora  n a calidade de vida dos residentes neste núcleo.