Adeus Conde Vallellano, ola Clara Campoamor!

VILAGARCÍA> Clara Campoamor xa forma parte do rueiro de Vilagarcía. A cidade despediuse hoxe da rúa Conde Vallellano, ministro franquista, en cumprimento da Lei de Memoria Democrática. Este é o primeiro dos cambios previstos porque nos vindeiros meses tamén mudarán Xeneral Yagüe ou Almirante Fontán. Tamén se renovarán nos vindeiros meses todas as placas de rúas e parroquias do municipio. Aproveitando o cambio de denominación na xa rúa Clara Campoamor, o alcalde da cidade avanzou que os traballos de humanización estarán rematados antes de que remate este mes de outubro.

Vilagarcía díxolle hoxe adeus ao Conde Vallellano. En cumprimento da Lei de Memoria Democrática, a rúa que levaba o nome deste ministro franquista pasou a chamarse Clara Campoamor.

En breve tamén desaparecerán do rueiro outros nomes franquistas como Xeneral Yagüe ou Almirante Fontán. Os cambios van máis alá porque nos vindeiros meses tamén se van renovar todas as placas das rúas, parroquias e lugares do municipio, moitas delas en mal estado. Instalaranse 1.500 placas cun investimento de 125.000 euros.

Ademais, aproveitando a visita a esta rúa Clara Campoamor, o alcalde avanzou que a súa remodelación estará lista antes de que remate este mes de outubro.

A previsión é que dentro de 15 días chegue todo o mobiliario para, a continuación, plantar as árbores e o resto da vexetación.