Ribeira recibirá 6’5 millóns de euros para a rehabilitación integral de Bandourrío

RIBEIRA> O concello de Ribeira acadou seis millóns e medio de euros de fondos europeos para executar o Proxecto Ribeira Atlántica 2030. O plan contempla a rehabilitación integral do barrio de Bandourrío e a súa integración co resto do casco urbano.

O Plan de Actuación Integral Ribeira Atlántica 2030 marca un fito coa consecución de seis millóns e medio de fondos europeos. Suporán a mobilización de dez millóns de euros de investimentos para a rehabilitación do barrio histórico de Bandourrío, un proxecto co que o executivo pretende recuperar a identidade de Ribeira.

O proxecto contempla a rehabilitación integral da antiga nave da conserveira Cerqueira, a construción dun centro social para uso veciñal e a reurbanización da praza de Pontevedra onde de habilitará tamén un aparcadoiro soterrado para favorecer a mobilidade.

Na superficie contará con pistas deportivas, área de xogos e zonas verdes. Trátase dun proxecto ambicioso, complementado con fondos propios ou doutras administracións, para a posta en valor dun dos barrios orixinarios da vila que actualmente se atopa moi degradado.