NOIA> Máis de 1400 mariscadores volvían esta mañá á actividade en Noia. O arranque da campaña foi decepcionante tras constatar os profesionais a escaseza de marisco, especialmente de ameixa. Estes resultados confirmaban as malas expectativas que auguraban as mostraxes ante a escaseza de bivalvo de talla comercial.
Pasadas as once da mañá comezaban a chegar as primeiras embarcacións ó porto de Testal. Tras dúas horas de actividade, apenas puideron apañar o tope de berberecho, fixado en 15 quilos. E se este escaseaba aínda moito máis a ameixa na que foi imposible cubrir os cupos establecidos en tres quilos de xapónica, dous de fina e dous de babosa.
Este mal arranque non supón unha sorpresa para a confraría que xa detectara nas mostraxes a escaseza de marisco de talla comercial.
Haberá que agardar á evolución durante as próximas semanas cando agardan que vaia medrando e acade un mellor prezo. Aínda así, as expectativas non son optimistas polo que os profesionais auguran unha campaña modesta e non moi longa.











