O Chicle cumprirá 5 anos de cadea polo rapto e intento de violación da moza de Boiro

BOIRO> O Chicle cumprirá condena polo rapto da moza de Boiro. A sentenza da Audiencia Provincial da Coruña recolle unha pena de cinco anos e un mes de cadea. E é que o tribunal considera a José Enrique Abuín autor dun delito de detención ilegal consumado e dun delito de agresión sexual en grao de tentativa.

Cinco anos e un mes de cadea por un delito de detención ilegal consumado e delito de agresión sexual en grao de tentativa. Esta é a pena que terá que cumprir O Chicle polo rapto dunha moza en Boiro o 25 de decembro de 2017.

Para a sección compostelana da Audiencia Provincial da Coruña, as probas que se presentaron no xuízo demostran que a intención de José Enrique Abuín era privar á denunciante da súa liberdade ambulatoria, para collela, metela no coche e trasladala a algún lugar para agredila sexualmente.  Na sentenza tamén desbotan o argumento da defensa: a súa intención non era roubarlle os cartos ou o móbil, senon que quería quitarlle o teléfono para que non puidera pedir axuda.

Apuntan que a entereza da vítima e a resistencia que opuxo ante o seu agresor foi o único que evitou que O Chicle puidera materializar as súas intencións. Tamén a aparición dos dous mozos que a axuiliaron, obrigando ao agresor a fuxir do lugar do crime.

José Enrique Abuín tamén terá que aboar unha multa de 600 euros, ao consideralo culpable dun delito leve de lesións. Ademais, non poderá achegarse a menos de medio quilómetro da vítima nin ao seu domicilio, ou comunicarse con ela por calquera medio durante 10 anos. En canto ás indemnizacións, terá que aboar á vítima máis de 11.500 euros por incapacidade temporal e secuelas.

Esta pena de cinco anos de cadea é moi inferior á dos 15 e 10 meses que solicitaba a Fiscalía. No seu escrito, o tribunal recorda que os feitos xulgados son os ocorridos o 25 de decembro en Boiro. Non os do ano 2005, cando a súa cuñada denunciouno por violación, ou os de agosto de 2016, referente ao asasinato de Diana Quer, que aínda está a ser investigado.