BOIRO> A oitava edición dos 100 dos International Trekkers estivo este ano moi condicionada polas altas temperaturas rexistradas, unha circunstancia que puxo a proba ós algo máis de 300 participantes inscritos.
A maior parte deles lograron acabar, rexistrándose apenas medio cento de abandonos, a maioría deles polo desgaste provocado pola calor e a deshidratación.
Aínda así foi unha cifra se cadra non demasiado alta, se atendemos a dureza da carreira, que co paso dos anos está aumentando o seu prestixio a nivel nacional de entre s carreiras de ultrafondo.
Os participantes iniciaron a proba dende o pavillón de Barraña en Boiro, para completar dende alí os 100 quilómetros de distancia que os levou a percorrer ata un total de sete concellos da zona.
A vitoria final foi para o sonense Carlos Lorenzo, que repite trunfo da edición pasada. Aínda así non foi quen de bater o récord da proba, completando todo o trazado nun tempo de 10 horas, 46 minutos e 49 segundos.
En mulleres a vitoria foi para Lucía López Palmeiro, que parou o crono en 15:11:21.
Dende a organización, a cargo do Club Deportivo International Trekkers Barbanza Sar, destacaron o éxito da proba, que se desenvolveu sen incidentes de consideración.
Dende a entidade tiveron tamén un agradecemento especial para o centenar de voluntarios que colaboraron coa proba, así como para as distintas empresas e casas comerciais, que co seu apoio fan posible poder realizar esta carreira.