RIANXO> O conselleiro de Emprego, José González, visitou esta mañá a nave de Estaleiros Catoira, no porto de Rianxo, para coñecer de primeira man o oficio de carpintería de ribeira.
Alí puxo en valor este taller de construción de embarcacións en madeira e este oficio tradicional, do que a día de hoxe quedan poucos profesionais en Galicia.
Co fin de reverter esta situación, o titular de Emprego anunciou que a Xunta potenciará o vindeiro ano a formación en oficios tradicionais cunhas bolsas para aprendices coas que se busca acadar esa remuda xeracional para a pervivencia da actividade.
Un aspecto este, o da remuda xeracional no que tamén incidiron dende a Asociación Galega de Carpinteiros de Ribeira, AGALCARI, como parte imprescindible para a continuidade dun oficio tradicional, que, conta ademais coa declaración de Ben de Interese Cultural do Patrimonio Inmaterial por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Na actualidade Galicia conta con aproximadamente unhas 15 carpinterías de ribeira en activo, a maioría delas asentadas na ría de Arousa, e agrupadas en AGALCARI, xerando ó redor duns 100 empregos directos e uns de 500 indirectos.











