RIBEIRA> O Conselleiro do Mar visitou a lonxa de Ribeira para coñecer as principais necesidades do sector. Alfonso Villares destacou a importancia desta instalación, a primeira en volume de descargas de toda Galicia e a quinta en facturación.
Acompañado do presidente de Portos de Galicia, o Conselleiro do Mar tivo ocasión de coñecer as instalacións da lonxa de Ribeira na que o departamento autonómico investiu máis 14 millóns de euros.
As cifras falan por si soas xa que no que vai de ano, a lonxa ribeirense comercializou máis 28 millóns de quilos de peixe e marisco.
Ademais de coñecer máis a fondo o proceso de descarga e comercialización, Alfonso Villares tivo ocasión de coñecer as necesidades do sector da man do xerente da lonxa, e o patrón maior de Ribeira. Entre as principais demandas transmitíronlle a necesidade de habilitar un circuíto pechado de auga para os viveiros de marisco.
O Conselleiro recolleu as peticións do sector e comprometeuse a traballar para conseguir esta e outras melloras que repercutan na calidade non só do produto senón tamén das condicións laborais dos traballadores.