NOIA> O executivo de Noia levará a pleno a habilitación de crédito para o pago das facturas pendentes. Con fondos propios e unha axuda da Deputación para gasto corrente asumirán o pago do 77 por cento da débeda cos provedores que ascende a máis dun millón de euros.
No pleno do próximo xoves día 30, a corporación noiesa debaterá a proposta do goberno para habilitar varias liñas de creto que permitan o pago de facturas sen consignar. A intención do executivo é sufragar ó redor do 77 por cento da débeda pendente con cargo ó POS adicional, o remanente de tesourería e o aforro derivado das medidas de contención do gasto aplicadas dende o cambio de goberno.
Aínda así quedaría pendente o pago de facturas por valor de 250 mil euros a empresas eléctricas ou gastos de difícil xustificación. O criterio para priorizar unhas sobre outras foi a necesidade de cobro de pequenas empresas e provedores locais que, nalgúns casos, acumulan dous anos de atraso nos pagos.
A intención do executivo é asumir o pagos restantes de cara ó próximo exercicio, e unha vez superado este bache inicial de pouca liquidez, avanzar cara a estabilidade financeira do concello que permita a posta a punto de moitas infraestruturas e servizos básicos, na actualidade, deficitarios.











