O PSOE de Rianxo insta a Augas de Galicia a asumir a xestión da EDAR

RIANXO> O PSOE de Rianxo insta a Augas de Galicia a asumir a xestión integral da EDAR e do tanque de tormentas. No seu defecto, apostan por activar a licitación do servizo que custa máis de 25 mil euros ó mes ás arcas municipais.

Xa no ano 2022, o concello de Rianxo presentou ante Augas de Galicia unha solicitude demandando ó organismo autonómico a asunción da xestión integral e conxunta da EDAR e do tanque de tormentas ou, no seu defecto, a activación do proceso de licitación do servizo. Pretenden, deste xeito, garantir unha prestación estable, eficiente e coordinada sen que supoña un sobrecusto para as arcas municipais.

Na actualidade, o servizo se está a xestionar mediante contratacións urxentes con empresas que mesmo levan meses sen percibir os pagos correspondentes.

Por esta razón, piden á Xunta que desbloquee de inmediato o proceso para consolidar un modelo estable, transparente e con garantías técnicas e ambientais.