A Xunta dota ó Servizo Municipal de Emerxencias de Noia con novo material de excarceración

NOIA> O Servizo Municipal de Emerxencias de Noia vén de ver mellorado o seu equipamento grazas á entrega de diverso material de excarceración para rescate de persoas por parte da Vicepresidencia.

Nun acto celebrado ás portas do Concello, o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, facíalle entrega ó alcalde, Santiago Freire, dos novos equipos destinados a atender determinadas intervencións como accidentes de tráfico con persoas atrapadas, rescates en espazos confinados e outros casos. O custe do material ascende a preto dos 60 mil euros.

Pola súa banda o director xeral de Emerxencias e Interior destacou a forte aposta do Goberno Autonómico en dotar ós servizos de emerxencias cos mellores medios para que poidan desenvolver o seu traballo nas mellores condicións posibles.

Xunto ó concello noiés, tamén recibiron este novo material os concellos de Mos e Friol.